Saturday 11 de May de 2024

Unha trintena de persoas participou na primeira sesión do congreso público A ASTRONOMÍA nas RUTAS XACOBEAS en Boqueixón


A seguinte observación astronómica terá lugar o vindeiro 11 de agosto tamén no Pico Sacro

Unha trintena de persoas acudiu o xoves pola noite ao cumio do Pico Sacro para participar na primeira sesión do congreso público A ASTRONOMÍA nas RUTAS XACOBEAS. Esta iniciativa está promovida polo Observatorio Astronómico Ramón Mª Aller da
Universidade de Santiago de Compostela (USC) co cofinaciamento da Axencia de Turismo de Galicia, Xacobeo 2021 e en colaboración co Concello de Boqueixón.
A sesión, dirixida polo director do observatorio astronómico, José Ángel Docobo, dividiuse en dúas partes. A primeira delas, de carácter máis teórico e a segunda centrada na observación astronómica. A temática desta primeira actividade versou sobre os exoplanetas –os planetas localizados fóra do Sistema Solar-.
As condicións meteorolóxicas dificultaron moito a observación de estrelas e planetas durante a velada do xoves. De feito, as persoas asistentes só puideron ver a lúa durante uns minutos, xa que o ceo permaneceu anubrado gran parte do tempo que durou esta primeira sesión.
A seguinte parada do congreso público A ASTRONOMÍA nas RUTAS XACOBEAS en Boqueixón terá lugar o vindeiro 11 de agosto, tamén no Pico Sacro e ás 22.30 horas. Neste caso, a sesión terá como protagonistas ás Perseidas. Ao igual que na sesión de onte, o Concello velará polo estrito cumprimento das medidas hixiénico-sanitarias fronte á COVID-19.